Liñas de Investigación GIES10

O principal obxectivo de investigación do grupo é analizar, implementar e avaliar programas educativos en distintos contextos comunitarios e escolares, integrando as prácticas artísticas e a actividade física como eixes de intervención para promover a inclusión, a saúde e o benestar. Este traballo desenvólvese desde a evidencia empírica, a interdisciplinariedade e o compromiso coa transformación socioeducativa.

Educación

Formación de Educadoras e Educadores

Un obxectivo prioritario será contribuír ao proceso de formación profesional permanente das educadoras e dos educadores, tanto no ámbito formal como no non formal, co fin de favorecer unha maior reflexión sobre a súa práctica docente ou educativa e promover procesos de cambio e mellora nos diferentes contextos nos que se apliquen os programas.

No ámbito escolar preténdese adaptar o currículo ás demandas e necesidades sociais do propio contexto, tendo en conta as súas posibilidades e recursos. O obxectivo sería realizar propostas educativas centradas nunha estratexia de desenvolvemento e transformación educativa e cultural a nivel local, co protagonismo de toda a comunidade educativa. Para iso pártese dunha estratexia de formación baseada nas premisas da investigación-acción colaborativa. A comunidade educativa realiza unha análise reflexiva e crítica para interpretar os datos, dar significado ao proceso educativo e achegar solucións curriculares.

Avaliación de Programas

No noso contexto existe aínda pouca tradición de avaliación de programas. Habitualmente trabállase con moito entusiasmo no deseño, mais poucas veces se comproba de maneira sistemática a súa eficacia.

O noso obxectivo é avaliar de forma sistemática os programas implementados mediante métodos científicos, tendo en conta os seus obxectivos, efectos e resultados. Isto permite tomar decisións durante a implementación do programa e considerar as súas posibilidades de replicabilidade. A avaliación tamén permite promover o coñecemento sobre que se logrou e como se desenvolveu unha determinada competencia, proporcionar información pública sobre os logros acadados, mostrar a rendibilidade do programa, comprobar a súa utilidade e eficacia, comprender o seu alcance, identificar as súas posibilidades e limitacións, determinar as dimensións que abrangue e as que non, e posibilitar unha reflexión crítica sobre unha situación determinada.

Actividade Física

Rendemento e Saúde

Investigamos a importancia dos factores intrínsecos, como os antropométricos, xenéticos ou psicolóxicos, e dos factores extrínsecos, como o adestramento ou o material, relacionados coa aparición de lesións no deporte. Deste xeito, poden desenvolverse programas de intervención co propósito de minimizar ou mesmo evitar a aparición de lesións nas persoas deportistas. Ademais, contribúese a optimizar o rendemento deportivo velando pola saúde.

Actividade Física e Saúde

O binomio actividade física-saúde é de grande importancia na cultura occidental, especialmente en Galicia, onde os índices de sedentarismo están aumentando considerablemente e, con eles, as enfermidades asociadas.

Isto leva a pensar que problemas como a obesidade non se deben unicamente a unha pauta de sobrealimentación, senón tamén á insuficiente práctica de exercicio físico, que está a afectar unha parte importante da poboación.

A necesidade de analizar os hábitos saudables na idade escolar xustifícase polo feito de que numerosos estudos sinalan que, entre estes hábitos, a práctica regular de actividade física ocupa un lugar destacado polos seus indubidables beneficios tanto para a saúde física como para a psicolóxica.

Saúde

Educación para a Saúde

A educación para a saúde pasou, en moi pouco tempo, a formar parte das nosas prioridades sociais e persoais, ben pola necesidade de adquirir estilos de vida máis saudables que eviten enfermidades e prolonguen o máximo posible a nosa vida, ben para reducir custos no sistema sanitario ou para favorecer unha calidade de vida ao alcance de todas as persoas.
Porén, a situación real segue a ser ben distinta. A pesar da preocupación existente, ponse de manifesto unha crise mundial da saúde propiciada por distintas causas: o abandono do autocoidado, como o sedentarismo ou unha alimentación inadecuada; a expectativa de que as novas tecnoloxías realicen “curacións milagrosas”; a escasa importancia atribuída á prevención porque existen remedios para curarnos; o investimento de recursos en centros que solucionan problemas de saúde en lugar de promover a saúde; e a existencia de enfermidades como o cancro, os accidentes de tráfico ou as enfermidades cardiovasculares, relacionadas coa carencia de estilos de vida saudables.

Benestar Físico e Emocional

O benestar físico e emocional constitúe unha dimensión fundamental para comprender o desenvolvemento integral das persoas, xa que abrangue factores vinculados á saúde, ao equilibrio psicolóxico, á participación social e ás condicións contextuais nas que se desenvolve a vida cotiá.

Trátase, polo tanto, dun concepto amplo e multidimensional, que remite tanto a variables sociais e comunitarias como a dimensións físicas, emocionais e culturais. De aí a importancia de considerar, no deseño de programas desenvolvidos en distintos ámbitos, a dimensión social e cultural, recoñecendo a responsabilidade individual e colectiva na promoción de hábitos saudables, da inclusión e do benestar.

Neste marco, a nosa investigación céntrase no estudo das achegas que a actividade física regular, o deporte e as prácticas artísticas poden ofrecer ao benestar físico e emocional das persoas, atendendo non só ás características individuais, senón tamén ás realidades comunitarias e contextuais dos distintos colectivos.